MurallaSantiagoDeCompostela
 

Orixe

A muralla protexía o lugar santo e a cidade

Santiago de Compostela naceu como lugar de culto e peregrinación. Aínda que existen referencias dun castro e pegadas dun asentamento romano abandonado no s. V o descubrimento dos restos do apóstolo, no s. IX, e a construción dunha igrexa para albergalos, será a orixe da cidade. Os seus primitivos habitantes foron clérigos e criados que atendían o culto.

A zona ocupada pola igrexa -anterior á actual catedral- e a súa contorna inmediata o Locus Sancti Iacobi, era un pequeno núcleo de carácter sagrado que abarcaba o que hoxe é a catedral, a praza da Quintana, o mosteiro de San Paio de Antealtares e unhas poucas rúas anexas. O locus Sancti Iacobi xa tiña unha muralla con torres e foso no s. X, pero á altura do s. XI o bispo Cresconio (1037-1068) idea e comeza a construción dunha nova muralla de maior contorna. Tiña unha lonxitude aproximada de 2 km, unha superficie interior dunhas 30 Ha e unha forma de ril que aínda se percibe no actual plano de Santiago. Esta é a que se mantivo ata o s. XIX.

O motivo da súa construción parece deberse a que había varios núcleos poboados, fóra do primeiro recinto do Locus Sancti Iacobi, que quedaban indefensos. En efecto, os estudosos fálannos do temor a unha incursión normanda (a primeira coñecida ás costas astur-galaicas foi no 842) e da ameaza dun ataque musulmán como o cometido por Almanzor uns anos antes, en 997, e máis cando a cidade comezaba a ser un lugar florecente de peregrinación e polo tanto apetecible á rapina.

Significado

As murallas medievais defenden e representan á cidade

A muralla é una condición imprescindible da cidade medieval. Alfonso X o Sabio (1221-1284) define a cidade como:

“Todo aquel lugar que es cerrado de los muros con los arrabaldes et los edificios que se ten con eles”.
(título XXXIII, partida 7ª)

Coa súa construción, unha agrupación de edificios transfórmase en comunidade urbana, en cidade. Independentemente da súa función defensiva, a muralla determinará o aspecto da cidade e a vida dos seus habitantes. É algo tan propio dunha cidade medieval como as catedrais no Gótico ou as cúpulas no Renacemento. De forma palpable, as murallas constitúen a defensa e protección dos cidadáns fronte a perigos como o asalto de inimigos ou a penetración de enfermidades contaxiosas.

De forma intanxible, a muralla constitúe a representación dunha orixe, ao simbolizar o punto a partir do cal o espazo se habita e organiza en función dos seus muros.

A muralla é tamén límite. Límite visual, límite seguro. Pecha a vista ao mundo que se estende máis aló dela. Esta continúa perspectiva limitada, sinala, en certa maneira, unha forma de vivir, confinada en si mesma, que se materializa en espazos que agora nos parecen angostos, con vistas sempre limitadas, pechadas.

A muralla é imaxe e símbolo da cidade. Tras ela, as súas edificacións quedan ocultas e por iso conforma a estampa da cidade. A muralla é a primeira imaxe que o viaxeiro recibe cando chega. Quizais por iso os seus muros adquiren a forza de símbolo e teñen a capacidade de representala. Así, nas pinturas e gravados medievais, a cidade represéntase a través das súas murallas.

En Santiago de Compostela a muralla abeira os seus veciños e acolle os peregrinos. Caracteriza á cidade e marca a vida dos seus habitantes. Por iso, aínda que a cidade teña mudado ao longo dos séculos e a súa muralla se perdese nalgúns tramos, forma parte do seu sentido, do seu espírito.

Características

Cinco metros de altura interior, torres e ameas: debía resultar impoñente!

Polos documentos achados, pouco sabemos de cómo era a construción orixinal. As descricións das fontes medievais son moi xenéricas. Contamos por exemplo, cunha breve descrición no libro V do Códice Calixtino (manuscrito do 1135-1140) que unicamente se refire ás súas sete portas iniciais do seguinte modo: “As entradas e portas da cidade son sete. A primeira entrada chámase Porta Francígena; a segunda, Porta da Pena; a terceira, Porta de Sofrades; a cuarta, Porta do Santo Peregrino; a quinta, Porta Falguera, que leva a Padrón; a sexta, Porta de Susannis; e a sétima, Porta de Mazarelos, pola que chega á cidade o precioso Baco”.

Co tempo engadiríanse máis portas. Así no s. XIII abrirase a Porta Nova da Vila ou Porta da Rúa da Pena, e nos s. XIV e XV aparecen outras portas menores, ou postigos, usadas para o paso peonil, como os das Algalias, San Fiz e do Souto.

As referencias e descricións da cerca comezan a ser máis frecuentes a partir do s. XVI, en que abundan crónicas e documentos municipais. Estes son os que mellor retratan o seu aspecto. Tamén contamos con planos da cidade que, con maior ou menor veracidade, reflicten o trazado e estado da cerca.

As investigacións e estudos indican que estaba realizada con cachotes de pedra tipo xisto asentados con terra. Os seus muros estaban reforzados a intervalos irregulares con torres cuadrangulares, 48 segundo o plano de 1595, sen contar as que flanqueaban as diferentes portas. Tiña ameas, aínda que non coñecemos a súa forma concreta. As portas estaban construídas con cantería máis fina e argamasa de cal. Ao exterior ía rodeada dun amplo foso. Aínda que construtivamente non era unha muralla das máis complexas, a súa altura, xunto coas ameas e torres, debían convertela nunha obra impoñente.

Segundo datos arqueolóxicos recentemente recuperados, a parede ou muro interior tería unha altura de 5 m ata o adarve ou camiño de rolda, e un espesor de 2,5 m. Deles, 90 cm. correspondían ao adarve e 80 cm. a cada unha das caras (interior e exterior) do muro. O adarve, ao que se accedía por medio de escaleiras situadas en diferentes puntos, estaba pavimentado con lousa de boa calidade. Non coñecemos a súa altura exterior, pero en moitos puntos superaba a interna, especialmente nas zonas con desniveis do terreo.

Usos

A muralla terá máis utilidades que a defensa

Ademais da inicial función defensiva, ao longo da súa existencia a muralla desempeñará outros papeis cuxa influencia marcará o devir da cidade e os seus veciños.

A muralla e os camiños que cruzan as súas portas determinarán, en boa medida, o urbanismo da cidade. Unha vez construída a muralla, os tres principais eixes de desenvolvemento urbano configuráronse a partir dos camiños que atravesaban as súas tres portas principais: Camiño, Faxeira e Mazaleros. A cerca tamén condicionará a dimensión das vivendas. As casas serán dunha ou dúas alturas. As de tres eran excepcionais, pois se ven como unha ameaza para o sistema defensivo da cidade. Por iso sempre se vixiaron as alturas das casas.

Inicialmente a muralla gardaba poucas construcións e podemos supoñer que encerraba unha gran superficie de campos de cultivo. Co tempo irase densificando e consolidando o espazo urbano. No s. XIII, cando se remata a catedral, queda definida a estrutura básica da cidade. As ampliacións e edificacións posteriores non a transformaron substancialmente. Aínda que no Renacemento e no Barroco introdúcense novos tipos de arquitectura e constrúense novos edificios públicos, civís e relixiosos, o tecido residencial de Santiago apenas cambia.

As murallas tamén serviron ao goberno da cidade. O concello tiña como unha das súas principais fontes de ingresos os impostos de tráfico á cidade. E o seu cobro facíase posible a través das portas da cerca. Así, en dúas das súas portas, a do Camiño e a Faxeira, situábanse as “casas do peso”, oficinas nas que se pesaban as mercadorías polas que se pagaba arancel e lugar no que se garantía que os pesos e medidas que alí se facían eran exactos e uniformes.

En Santiago de Compostela non se conservaron as casas do peso, pero temos un vestixio evidente da súa existencia no nome da rúa anexa á Porta Faxeira, denominada Ruela do Peso.

Outro xeito de obter ingresos, en función da muralla, foi a través do aforamento dos terreos anexos para construír casas, manter hortas ou utilizar algunhas das súas partes, como as torres. Mediante o foro, a cidade percibía unha renda anual polo uso deste espazo público, sendo responsabilidade do usuario encargarse da conservación. En caso de guerra o beneficiario perdía o uso, sen dereito a indemnización, xa que o espazo debía poñerse a disposición para a defensa.

As murallas tamén xogaron un importante papel nas epidemias, porque apenas se coñecía outro tratamento que o illamento dos enfermos para evitar o contaxio. Entre o 1347 e 1351 unha gran pandemia coñecida como Peste Negra arrasou Europa. Estenderíase desde a India e chegaría a Galicia, polos portos atlánticos (Baiona ou Pontevedra), a finais de 1348.

En Santiago de Compostela sabemos que afectou a todas as clases sociais. De feito, hai novas dos administradores das propiedades do cabido sobre o despoboamento de casas debido á mortaldade. Outra mostra da súa incidencia é a construción dun hospital para enfermidades contaxiosas coa advocación a San Roque, santo avogado da peste, que se converterá en co-patrón da cidade.

Cando a cidade se decataba da existencia dalgún brote pestífero propoñía unhas normas de actuación nas que interviña a muralla. Ordenábase reparar as portas e pechar a maior parte delas. Habitualmente só se deixaban abertas as tres portas consideradas principais: Faxeira, do Camiño e Mazarelos.

Paralelamente, ordenábase vixialas mentres permanecían abertas, desde ao mencer ata o anoitecer. Os veciños, a veces dirixidos por un rexedor, facían garda e impedían o acceso aos que no tivesen todo en regra. Ao mesmo tempo comunicábase, mediante pregón, os lugares infectados de peste e expulsábanse as persoas procedentes deles que tivesen chegado antes de decatarse do brote. Aos demais peregrinos só se lles permitía estar tres días.

Tamén se ditaban normas de hixiene pública: a prohibición de tirar inmundicias ás rúas durante o día, ou a de sacar os porcos, agás para levalos fora da muralla, e ordenábase o rego e a limpeza das rúas e entradas ás casas. A documentación mostra que estas normas non sempre se cumprían.

Se a muralla era fronteira entre a cidade e o espazo rural, as portas eran os puntos de comunicación entre estes dous “mundos”. As portas canalizaban o tráfico de persoas e mercadorías. Dende elas os veciños accedían aos arrabaldes da cidade nos que se localizaban diferentes negocios e campos de cultivo. Así, ao exterior da Porta do Camiño, deseguida comezaron a situarse tendas e albergues para peregrinos.

Tamén os oficios molestos, como as curtidorías (talleres onde se traballaban as peles) ou os prostíbulos, se instalan no exterior, próximos a portas e camiños. Ata o cemiterio de peregrinos, que se sitúa ao pé da Igrexa e Porta da Trinidade. Así mesmo, as ordes mendicantes constrúen os seus conventos fora das murallas, pero preto das portas. O convento de San Francisco ou o de San Domingos de Bonaval son exemplos diso.

Interior

Dentro dos muros agromaba unha cidade moi distinta á actual

A actual imaxe da cidade de Santiago de Compostela correspóndese moi pouco coa que podía ter antes da transformación barroca. En efecto, no período de maior vixencia da muralla (época medieval e moderna), as rúas eran angostas e cotrosas e as casas estreitas e mal iluminadas. Os soares das vivendas tiñan unha superficie duns 30 m2 ;algunha casa podía ocupar dous soares, pero o normal era un. Os muros medianeiros e a primeira planta eran de pedra e o resto de madeira, o que facilitaba a propagación dos incendios. Moitas casas non ocupaban todo o soar, senón que deixaban un espazo para horta ou para a cría de animais; así o campo tamén tiña sitio na cidade. Para gañar espazo, o piso superior sobresaía sobre a rúa apoiado en columnas. Bartolomé Bourdelot descríbea no seu diario de viaxe de 1581 do seguinte modo: “Compostela é una cidade bastante grande, pero está moi mal construída, enteiramente edificada en madeira”. A construción en pedra que hoxe a caracteriza comeza a partir do s. XVII.

Así mesmo, a necesidade de auga para consumo de habitantes e peregrinos levou á construción de numerosas fontes públicas. Hainas por prazas e rúas da cidade (Toural, Franco, Platerías, Cervantes, etc.) e en torno ás portas da muralla (Camiño, Mazarelos, etc.). A maioría de elas veñen canalizadas dende mananciais situados nas aforas.

Aínda que xeraba menos lixo que a cidade actual, non contaba con saneamento. As augas sucias e desperdicios botábanse á rúa ou á horta, o mesmo ca os animais. Todo isto debía xerar malos cheiros e un ambiente insalubre. Ademais, é fácil imaxinar que as augas de todo tipo (chuvia, mananciais e residuais) arrastraban todos estes restos orgánicos e canalizábanse a través das portas da muralla, cara ó exterior das mesmas, podendo servir coma abono para as hortas da contorna.

As prohibicións e mandatos das ordenanzas municipais de 1687 ilustran cales debían ser as prácticas habituais, pois prohiben: baleirar os ouriños nas rúas ou fontes, lavar roupa ou peixe nas fontes, arroxar auga polas fiestras ou tirar estrume dentro da muralla. Tamén ordenan canalizar baixo o empedrado os vertedoiros exteriores que desaugan a rúa.

Abandono

A muralla será paulatinamente derrubada no século XIX

A partir dos Reis Católicos (fins s. XV) as ameazas de asaltos ou conflitos diminúen, máis cando Santiago está afastada da costa, única zona na que poderían temerse ataques. Entón as murallas deixan de ser necesarias para a defensa, e mantelas en bo estado resulta custoso.

Aínda así seguiron existindo ameazas como a do corsario Francis Drake, que en 1559 asaltou a cidade de A Coruña. O temor de que chegase a Santiago fixo que se escondese o corpo do apóstolo e que se retirasen as reliquias gardadas na catedral. Xa desde antes, as murallas estaban descoidadas e derrubadas nalgúns puntos e por iso se solicita a súa reparación en diversas ocasións.

O perigo inglés seguiría aínda en 1596, e na cidade vólvese a falar da defensa e fortificación. Repasando as necesidades, apuntan o calamitoso estado da muralla. No informe resultado da solicitude feita por Antonio Ozores dicíase que: tiña caído un dos seus lenzos, outros a piques de caer e as nove portas necesitaban reparación, pois “aunque se les an puesto puertas, hes como si nos las tuvieses por ser algunas tan cortas que no llegan a çerrar poco mas de la mitad… y esto se bera en la puerta que caye a san franciso que muy olgadamente caben tres o cuatro onbres por lo que queda abierto, y en otras entran e salen por debaxo”. Os muros “estaban muy flacos” por moitas partes e era necesario facer terraplens e fortificalos. Aínda que se suxería a necesidade de tirala ata os seus cimentos e reconstruíla de novo, só se farán arranxos e parches.

Co paso do tempo, a muralla, ademais de deteriorada, quedou anticuada. As melloras producidas no campo da artillaría e a utilización da pólvora deixarán obsoletas as vellas murallas medievais. Agora é fácil abrir brechas a certa distancia con un canón. Aínda así, entre os s. XVI e XVIII, os veciños trataron de reparalas en varias ocasións.

Por un motivo ou outro a muralla vaise quedando sen uso defensivo, pero aínda tivo outras utilidades que lle deron uns séculos máis de existencia, hasta que no s. XIX se converte nun obstáculo. A mediados do s. XVIII a muralla aparecía descoidada e derrubada nalgunhas partes. A cidade crecera fora dela e a súa existencia era un problema para o seu desenvolvemento moderno. Así pois, proxectase a súa paulatina demolición. Salváronse, sen embargo, algúns tramos a través da súa integración nos muros dalgunhas vivendas e edificacións; isto é o que chamamos «muralla fosilizada» no parcelario urbano.

Cronograma

 

S. IX

(813-1830) Descubrimento do sepulcro do Apóstolo Santiago.

(830-880) Establecemento do núcleo rural: Locus Sancti Iacobi. Rodéase dun recinto ou estacada.

(842) Primeira incursión normanda nas costas galegas.

(880-920) Desenvolvemento da cidade co Bispo Sisnando I.

 

S. X

(900) Establecemento da Vila Sancti Iacobi.

(960-968) Fortificación do bispo Sisnando II.

(899) Consagración da igrexa de Santiago en presenza do rei Afonso III.

(997) Gran aceifa (expedición militar estival) de Almanzor contra Compostela.

 

S. XI

(1032) Última incursión normanda en Galicia.

(1037-1066) Segundo recinto amurallado do bispo Cresconio.

(1075) Empézase a construír a catedral románica.

 

S. XII

(1120) O Papa Calixto II recoñécelle á igrexa compostelá o título de metropolitana. Gelmirez será o primeiro Arcebispo compostelán.

(1135-1140) Escríbese o Códice Calixtino (Liber Sancti Jacobi).

(1150) Establecemento da Civitas Sancti Iacobi.

(1182) Primeiro Ano Santo Xacobeo.

 

S. XIII

(1211) Consagración da catedral en presenza do rei Afonso IX.

(1214) Peregrinación a Santiago de San Francisco. Introdución da orde mendicante dos franciscanos.

(1216) Peregrina a Santiago San Domingo, pouco despois introdúcese a orde mendicante dos dominicos.

 

S. XIV 

(1347-1351) Peste Negra en Europa. Morre un terzo da poboación.

 

S. XV

(1465) No contexto das Revoltas Irmandiñas uns 10.000 homes cercan a fortaleza da Trindade.

 

S. XVI

(1504) Alonso III de Fonseca funda a universidade.

(1569) A peste azouta a cidade.

(1577) Fúndase o Hospital de San Roque.

(1590) O Arcebispo Sanclemente desembolsa 500 ducados para o arranxo da muralla.

(1595) Arcebispo e cabido de novo financian reparacións na muralla.

 

S. XVII 

(1644) Cáese a cerca na zona de Porta Faxeira.

(1697) O miradoiro do hostal vén abaixo, xunto cunha torre.

 

S. XVIII

(1769) Peste e fame negra en Galicia. Creación do Hospicio de Santiago.

(1770) Fundación do hospital de Carretas de Santiago.

 

S. XIX

(1800) Desaparece o arco interior da Porta do Camiño

(1809) As tropas de Napoleón entran na cidade e instálanse no claustro da catedral.

(1818) Derrubamento, por ruinosa, da torre da Atalaia

(1822) Derrubamento da Porta de San Roque

(1830) Acordo da Xunta de Policía Urbana para demoler o arco de Porta Faxeira. Seguiranlle as portas da Mámoa, da Pena, San Francisco e Trindade.

(1835) Derrubamento do arco principal da Porta do Camiño.

(1870) Construción da Praza de Abastos.

 

S. XX

(1994) Localízanse restos dunha torre da muralla e do foxo, nunha intervención arqueolóxica na rúa Senra 18.

(1999) Localízase un tramo dun camiño medieval en San Roque.

 

S. XXI

(2002) Os estudos arqueolóxicos localizan restos da muralla na rúa Entermuros 18. Tamén restos dun foso na rúa Rodrigo de Padrón.

(2005) Unhas sondaxes arqueolóxicas no mercado de abastos descobren restos da muralla.

(2009) Abórdase un estudo sistemático da muralla. Durante a fase de prospección localízanse varios tramos de muralla e torres entre as casas. Edición de una guía.

(2010) En excavacións arqueolóxicas realizadas na praza de Raxoi localizáronse restos dunha torre, muralla e foso.

 

Bibliografía y Documentación (para saber más):

 

A continuación se ofrece una recopilación bibliográfica y de la base documental utilizada en la elaboración de la guía. Con ella podemos localizar la fuente o procedencia de las imágenes y documentos utilizados. También puede ser útil a aquellas personas que quieran saber más sobre la muralla y la ciudad de Santiago.

 

BLANCO ROTEA, R.; BENAVIDES GARCÍA, R. (e.p.). “Estudos complementarios e tratamentos de conservación do lenzo da muralla medieval de Santiago de Compostela, no inmoble nº 18 da rúa de Entremuros”. En Varela Campos (coord.) Actuacións arqueolóxicas no ano 2009. Santiago de Compostela. Xunta de Galicia.

CABO VILLAVERDE, J. L.; COSTA BUJÁN, P. 1987: Imaxe de Compostela. Unha cidade de pedra nas vellas fotografías. Santiago de Compostela: Colexio de Arquitectos de Galicia.

CABO VILLAVERDE, J. L.; COSTA BUJÁN, P. (1996) Compostela. Memoria fotográfica. A Coruña: Ara Solis.

CÁMARA MUÑOZ, A. (1998) Fortificaciones y ciudades en los reinos de Felipe II. Madrid: Nerea.

FERNÁNDEZ GONZÁLEZ, A. (2008-2009) “El Palacio Compostelano del conde de Altamira”. Laboratorio de Arte: 21: 157-171.

GONZÁLEZ MÉNDEZ, M.; LUACES ANCA, J. (2009) Santiago de Compostela. A Cerca da Cidade. Santiago de Compostela: OCiHR, Concello de Santiago.

GONZÁLEZ VÁZQUEZ, M. (1988) “El agua y sus sistemas de suministro en la Compostela medieval”. En F. Bores, J. Fernández; S. Huerta; E. Rabasa (eds): Actas del Segundo Congreso Nacional de Historia de la Construcción. A Coruña 1988. A Coruña: CEHOPU. Pp. 211-216.

HAINDL, A. L. (2010) “La peste negra”. Arqueología historia y viajes sobre el mundo medieval, vol. 35: 56-69.

LÓPEZ ALSINA, F. (1988) La ciudad de Santiago de Compostela en la Alta Edad Media. Santiago de Compostela: Ayuntamiento de Santiago.

LÓPEZ ALSINA, F. (dir): 2005: Estudio histórico del monasterio de S. Martín Pinario (Santiago de Compostela, A Coruña). Santiago: Xunta de Galicia

LÓPEZ PEREIRA, X. E. (1993) Guía medieval do peregrino. Códice Calixtino, libro V. Estudio, edición e traducción. Vigo: Xerais.

ORTEGA ROMERO, M. M. (1998) “Las murallas de Compostela en los siglos XVI y XVII”. En Villares Paz, R. (ed). La ciudad y el mundo urbano en la Historia de Galicia. Pp. 225-39. Santiago de Compostela: Tórculo edicións.

PORTELA SILVA, E. (Coord.) (2003) Historia da cidade de Santiago de Compostela. Santiago de Compostela: Concello de Santiago de Compostela, Consorcio da Cidade de Compostela e Universidade de Santiago de Compostela.

RODRÍGUEZ GONZÁLEZ, A (1969) “Las murallas de Santiago en el S. XVI”. Cuadernos de Estudios Gallegos 24, fac.72-74: 395-412.

RODRÍGUEZ GONZÁLEZ, A. (1970) “La ciudad de Santiago en 1542”. Cuadernos de Estudios Gallegos 25, fasc. 77: 271-80.

ROSENDE VALDÉS, A. (2004) Unha historia urbana: Compostela. 1595-1780. Santiago de Compostela: NigraTrea y Concello de Santiago de Compostela.

SALAMANQUÉS PÉREZ, V. y VALLEJO GIRVÉS, M. (2002) “Bourdelot: Un viaje diplomático-anticuarista por la península Ibérica a finales del S. XVI”. En Criado de Val M. (coord.): Caminería Hispánica. Actas del V congreso de Caminería Hispánica. Valencia: AACHE. Pp 955-968.

SETA de, C. y LE GOFF, J. (eds.) (1989): La ciudad y las murallas. Madrid: Cátedra.

SUAREZ OTERO, J. 1999: “Apuntes arqueológicos sobre la formación del Locus Sanctus Iacobi y los orígenes del urbanismo medieval compostelano”. En: Actas del Curso sobre la Península Ibérica y el Mediterráneo entre los S. XI y XII. Aguilar de Campoo. Pp 11-42.

(2003) «Del Locus Sancti Iacobi al Burgo de Compostela” en Portela (coord.) Historia de la ciudad de Santiago de Compostela. Santiago de Compostela: Concello de Santiago de Compostela, Consorcio da Cidade de Compostela e Universidade de Santiago de Compostela.

TAÍN GUZMÁN. M. (2012) La ciudad de Santiago de Compostela en 1669. La «Peregrinación» del príncipe de la Toscana Cosimo III de Médici. Santiago de Compostela: Consorcio de Santiago.

TELLECHEA IDIGORAS, J. I. (1965) “Un peregrino veneciano en Compostela en 1581 (Del diario inédito de B. Bourdelot)”. Compostelanum X, 2: 331-343.

TOJO RAMALLO, J. A. (1998) Agua y saneamiento en Santiago de Compostela. Diez siglos de historia. Santiago de Compostela: Aquagest S.A.

VIGO TRASANCOS, A. (dir.) (2011) Galicia y el siglo XVIII. Planos y dibujos de arquitectura y urbanismo (1701-1800). A Coruña: Fundación Barrié. Colección Patrimonio Vivo.

 

 

INFORMES Y MEMORIAS TÉCNICAS NO PUBLICADAS DEPOSITADS EN INSTITUCIONES

 

BLANCO ROTEA, R.; BENAVIDES GARCÍA, R; MAÑANA BORRAZÁS P limepza e rexistro arqueolóxico do paramento exterior do inmoble nº 18 da rúa Entremuros

LÓPEZ CORDEIRO, M. (2009) Prospección arqueológica de la ciudad histórica de Santiago para el estudio de la muralla medieval (Santiago de Compostela, A Coruña). Informe valorativo y memoria de la. Documento inédito depositado en la OCiHR do Concello de Santiago.

PARGA CASTRO, A. (2009): Intervenciones arqueológicas en la Avenida de Raxoi. Promotor: Concello de Santiago. Memoria técnica Documento inédito depositado en la Dirección Xeral de Patrimonio Histórico e Documental. Xunta de Galicia.

RODRÍGUEZ PUENTES, E.; REY SEARA E. (1988) Informe-memoria de las labores arqueológicas en la rúa Azabachería 29 de Santiago de Compostela e inventario de materiales. Documento inédito depositado en la Dirección Xeral de Patrimonio Histórico e Documental. Xunta de Galicia.

RODRÍGUEZ PUENTES, E.; REY SEARA E. (1989) «Azabachería 29 (Santiago de Compostela)». En VVAA: Arqueoloxía Informes 1. Campañas 1987: 104-106. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia.