MurallaSantiagoDeCompostela
 

[/caja]

Unha guía para descubrir que a cidade medieval segue amurallada

Santiago de Compostela, como toda cidade medieval, foi unha población delimitada e defendida por unha muralla. Aínda que, sobre todo nos últimos decenios, pensouse que levaba destruída máis dun século, en realidade consérvanse algunhas partes, poucas á vista e a maioría ocultas tralas fachadas dos edificios que vemos e baixo o pavimento das rúas e prazas da cidade e, o que é aínda máis imoirtante, consérvase a súa traza.

Debido á propia forma da cidade e grazas a diversos estudos e investigacións, hoxe coñecemos moito máis sobre o seu aspecto, ademáis do seu trazado xeral, e podemos localizar físicamente algunhas das súas partes.

Coñecer a muralla e a súa andar, resulta moi valioso para comprender moitos aspectos da cidade do pasado e da do presente. Entender a súa forza, que inflúe ata en como se vive hoxe en día esa almendra “amurallada”, pode impulsar vivila como unha experiencia particular aos veciños da Cidade Histórica, aos do resto dos barrios de Santiago e, tamén, como non, aos turistas e visitantes.

Créditos

Concello de Santiago de Compostela

Ministerio de Educación Cultura y Deporte
Gobierno de España

Consorcio de Santiago de Compostela

Turismo de Santiago de Compostela

 

LDdA Laboratorio Digital de Arquitectura – deseño e desenvolvemento aplicación web -WebApp-

Matilde González Méndez; Javier Luaces Anca – documentación e textos

Ombretta, etc. – gráfica

Miramemira – vídeos

Pablo Tomé Ferreiro, Lourdes López Goce, Roi Ríos López – debuxos

Fermín González Blanco – Sistema Lupo

Tono Arias; Adolfo Enríquez; Alberte Peiteavel – fotografías

 

Coa colaboración de:

Dolores Cerqueiro Landín
Mar López Cordeiro
Andrés Antonio Rosende Valdés
Miguel Taín Guzmán
Ana Goi Diz
Rebeca Blanco Rotea
Javier Fernández Muñoz

Consuelo Felisa Rosende Rico; Concepción Rico Campa; Alberto Urrutia Salgado; Matilde Rodríguez Vázquez; Jorge Varela Barrio; Xosé Lois Freire Chico

Galería de Imágenes Muralla Alta

Rexístrate e gozar da súa sección de a Muralla

[/mosaico]

i
L

Mapa I 1886 Mayer

Mapa I 1796 Plano Santiago

Mapa I 1595 MPD 34

Mapa I 1886 Mayer

Mapa I 1750 Santiago

Mapa I 1595 MPD 31

Mapa I 1865 Lámina VI-8

Mapa I 1743 Santiago

Mapa I 1595 MPD 06

Mapa I 1886 Mayer

Plano dunha parte da cidade de Santiago

Plano de Hermán García de Neoburg

Exemplo de casa adosada á muralla na rúa Mazarelos.

Bosquejo del solar de Altamira

Detalle do Plano Santiago

Plano del palacio compostelano

Rampla de acceso al antiguo solar de Altamira

Esbozo o Proxecto de alineación

Sección. Exemplo de casa adosada

Exemplo de casa adosada á muralla na rúa Mazarelos.

Orixe

A muralla protexía o lugar santo e a cidade

Santiago de Compostela naceu como lugar de culto e peregrinación. Aínda que existen referencias dun castro e pegadas dun asentamento romano abandonado no s. V o descubrimento dos restos do apóstolo, no s. IX, e a construción dunha igrexa para albergalos, será a orixe da cidade. Os seus primitivos habitantes foron clérigos e criados que atendían o culto.

A zona ocupada pola igrexa -anterior á actual catedral- e a súa contorna inmediata o Locus Sancti Iacobi, era un pequeno núcleo de carácter sagrado que abarcaba o que hoxe é a catedral, a praza da Quintana, o mosteiro de San Paio de Antealtares e unhas poucas rúas anexas. O locus Sancti Iacobi xa tiña unha muralla con torres e foso no s. X, pero á altura do s. XI o bispo Cresconio (1037-1068) idea e comeza a construción dunha nova muralla de maior contorna. Tiña unha lonxitude aproximada de 2 km, unha superficie interior dunhas 30 Ha e unha forma de ril que aínda se percibe no actual plano de Santiago. Esta é a que se mantivo ata o s. XIX.

O motivo da súa construción parece deberse a que había varios núcleos poboados, fóra do primeiro recinto do Locus Sancti Iacobi, que quedaban indefensos. En efecto, os estudosos fálannos do temor a unha incursión normanda (a primeira coñecida ás costas astur-galaicas foi no 842) e da ameaza dun ataque musulmán como o cometido por Almanzor uns anos antes, en 997, e máis cando a cidade comezaba a ser un lugar florecente de peregrinación e polo tanto apetecible á rapina.

Significado

As murallas medievais defenden e representan á cidade

A muralla é una condición imprescindible da cidade medieval. Alfonso X o Sabio (1221-1284) define a cidade como:

“Todo aquel lugar que es cerrado de los muros con los arrabaldes et los edificios que se ten con eles”.
(título XXXIII, partida 7ª)

Coa súa construción, unha agrupación de edificios transfórmase en comunidade urbana, en cidade. Independentemente da súa función defensiva, a muralla determinará o aspecto da cidade e a vida dos seus habitantes. É algo tan propio dunha cidade medieval como as catedrais no Gótico ou as cúpulas no Renacemento. De forma palpable, as murallas constitúen a defensa e protección dos cidadáns fronte a perigos como o asalto de inimigos ou a penetración de enfermidades contaxiosas.

De forma intanxible, a muralla constitúe a representación dunha orixe, ao simbolizar o punto a partir do cal o espazo se habita e organiza en función dos seus muros.

A muralla é tamén límite. Límite visual, límite seguro. Pecha a vista ao mundo que se estende máis aló dela. Esta continúa perspectiva limitada, sinala, en certa maneira, unha forma de vivir, confinada en si mesma, que se materializa en espazos que agora nos parecen angostos, con vistas sempre limitadas, pechadas.

A muralla é imaxe e símbolo da cidade. Tras ela, as súas edificacións quedan ocultas e por iso conforma a estampa da cidade. A muralla é a primeira imaxe que o viaxeiro recibe cando chega. Quizais por iso os seus muros adquiren a forza de símbolo e teñen a capacidade de representala. Así, nas pinturas e gravados medievais, a cidade represéntase a través das súas murallas.

En Santiago de Compostela a muralla abeira os seus veciños e acolle os peregrinos. Caracteriza á cidade e marca a vida dos seus habitantes. Por iso, aínda que a cidade teña mudado ao longo dos séculos e a súa muralla se perdese nalgúns tramos, forma parte do seu sentido, do seu espírito.

Características

Cinco metros de altura interior, torres e ameas: debía resultar impoñente!

Polos documentos achados, pouco sabemos de cómo era a construción orixinal. As descricións das fontes medievais son moi xenéricas. Contamos por exemplo, cunha breve descrición no libro V do Códice Calixtino (manuscrito do 1135-1140) que unicamente se refire ás súas sete portas iniciais do seguinte modo: “As entradas e portas da cidade son sete. A primeira entrada chámase Porta Francígena; a segunda, Porta da Pena; a terceira, Porta de Sofrades; a cuarta, Porta do Santo Peregrino; a quinta, Porta Falguera, que leva a Padrón; a sexta, Porta de Susannis; e a sétima, Porta de Mazarelos, pola que chega á cidade o precioso Baco”.

Co tempo engadiríanse máis portas. Así no s. XIII abrirase a Porta Nova da Vila ou Porta da Rúa da Pena, e nos s. XIV e XV aparecen outras portas menores, ou postigos, usadas para o paso peonil, como os das Algalias, San Fiz e do Souto.

As referencias e descricións da cerca comezan a ser máis frecuentes a partir do s. XVI, en que abundan crónicas e documentos municipais. Estes son os que mellor retratan o seu aspecto. Tamén contamos con planos da cidade que, con maior ou menor veracidade, reflicten o trazado e estado da cerca.

As investigacións e estudos indican que estaba realizada con cachotes de pedra tipo xisto asentados con terra. Os seus muros estaban reforzados a intervalos irregulares con torres cuadrangulares, 48 segundo o plano de 1595, sen contar as que flanqueaban as diferentes portas. Tiña ameas, aínda que non coñecemos a súa forma concreta. As portas estaban construídas con cantería máis fina e argamasa de cal. Ao exterior ía rodeada dun amplo foso. Aínda que construtivamente non era unha muralla das máis complexas, a súa altura, xunto coas ameas e torres, debían convertela nunha obra impoñente.

Segundo datos arqueolóxicos recentemente recuperados, a parede ou muro interior tería unha altura de 5 m ata o adarve ou camiño de rolda, e un espesor de 2,5 m. Deles, 90 cm. correspondían ao adarve e 80 cm. a cada unha das caras (interior e exterior) do muro. O adarve, ao que se accedía por medio de escaleiras situadas en diferentes puntos, estaba pavimentado con lousa de boa calidade. Non coñecemos a súa altura exterior, pero en moitos puntos superaba a interna, especialmente nas zonas con desniveis do terreo.

Usos

A muralla terá máis utilidades que a defensa

Ademais da inicial función defensiva, ao longo da súa existencia a muralla desempeñará outros papeis cuxa influencia marcará o devir da cidade e os seus veciños.

A muralla e os camiños que cruzan as súas portas determinarán, en boa medida, o urbanismo da cidade. Unha vez construída a muralla, os tres principais eixes de desenvolvemento urbano configuráronse a partir dos camiños que atravesaban as súas tres portas principais: Camiño, Faxeira e Mazaleros. A cerca tamén condicionará a dimensión das vivendas. As casas serán dunha ou dúas alturas. As de tres eran excepcionais, pois se ven como unha ameaza para o sistema defensivo da cidade. Por iso sempre se vixiaron as alturas das casas.

Inicialmente a muralla gardaba poucas construcións e podemos supoñer que encerraba unha gran superficie de campos de cultivo. Co tempo irase densificando e consolidando o espazo urbano. No s. XIII, cando se remata a catedral, queda definida a estrutura básica da cidade. As ampliacións e edificacións posteriores non a transformaron substancialmente. Aínda que no Renacemento e no Barroco introdúcense novos tipos de arquitectura e constrúense novos edificios públicos, civís e relixiosos, o tecido residencial de Santiago apenas cambia.

As murallas tamén serviron ao goberno da cidade. O concello tiña como unha das súas principais fontes de ingresos os impostos de tráfico á cidade. E o seu cobro facíase posible a través das portas da cerca. Así, en dúas das súas portas, a do Camiño e a Faxeira, situábanse as “casas do peso”, oficinas nas que se pesaban as mercadorías polas que se pagaba arancel e lugar no que se garantía que os pesos e medidas que alí se facían eran exactos e uniformes.

En Santiago de Compostela non se conservaron as casas do peso, pero temos un vestixio evidente da súa existencia no nome da rúa anexa á Porta Faxeira, denominada Ruela do Peso.

Outro xeito de obter ingresos, en función da muralla, foi a través do aforamento dos terreos anexos para construír casas, manter hortas ou utilizar algunhas das súas partes, como as torres. Mediante o foro, a cidade percibía unha renda anual polo uso deste espazo público, sendo responsabilidade do usuario encargarse da conservación. En caso de guerra o beneficiario perdía o uso, sen dereito a indemnización, xa que o espazo debía poñerse a disposición para a defensa.

As murallas tamén xogaron un importante papel nas epidemias, porque apenas se coñecía outro tratamento que o illamento dos enfermos para evitar o contaxio. Entre o 1347 e 1351 unha gran pandemia coñecida como Peste Negra arrasou Europa. Estenderíase desde a India e chegaría a Galicia, polos portos atlánticos (Baiona ou Pontevedra), a finais de 1348.

En Santiago de Compostela sabemos que afectou a todas as clases sociais. De feito, hai novas dos administradores das propiedades do cabido sobre o despoboamento de casas debido á mortaldade. Outra mostra da súa incidencia é a construción dun hospital para enfermidades contaxiosas coa advocación a San Roque, santo avogado da peste, que se converterá en co-patrón da cidade.

Cando a cidade se decataba da existencia dalgún brote pestífero propoñía unhas normas de actuación nas que interviña a muralla. Ordenábase reparar as portas e pechar a maior parte delas. Habitualmente só se deixaban abertas as tres portas consideradas principais: Faxeira, do Camiño e Mazarelos.

Paralelamente, ordenábase vixialas mentres permanecían abertas, desde ao mencer ata o anoitecer. Os veciños, a veces dirixidos por un rexedor, facían garda e impedían o acceso aos que no tivesen todo en regra. Ao mesmo tempo comunicábase, mediante pregón, os lugares infectados de peste e expulsábanse as persoas procedentes deles que tivesen chegado antes de decatarse do brote. Aos demais peregrinos só se lles permitía estar tres días.

Tamén se ditaban normas de hixiene pública: a prohibición de tirar inmundicias ás rúas durante o día, ou a de sacar os porcos, agás para levalos fora da muralla, e ordenábase o rego e a limpeza das rúas e entradas ás casas. A documentación mostra que estas normas non sempre se cumprían.

Se a muralla era fronteira entre a cidade e o espazo rural, as portas eran os puntos de comunicación entre estes dous “mundos”. As portas canalizaban o tráfico de persoas e mercadorías. Dende elas os veciños accedían aos arrabaldes da cidade nos que se localizaban diferentes negocios e campos de cultivo. Así, ao exterior da Porta do Camiño, deseguida comezaron a situarse tendas e albergues para peregrinos.

Tamén os oficios molestos, como as curtidorías (talleres onde se traballaban as peles) ou os prostíbulos, se instalan no exterior, próximos a portas e camiños. Ata o cemiterio de peregrinos, que se sitúa ao pé da Igrexa e Porta da Trinidade. Así mesmo, as ordes mendicantes constrúen os seus conventos fora das murallas, pero preto das portas. O convento de San Francisco ou o de San Domingos de Bonaval son exemplos diso.

Interior

Dentro dos muros agromaba unha cidade moi distinta á actual

A actual imaxe da cidade de Santiago de Compostela correspóndese moi pouco coa que podía ter antes da transformación barroca. En efecto, no período de maior vixencia da muralla (época medieval e moderna), as rúas eran angostas e cotrosas e as casas estreitas e mal iluminadas. Os soares das vivendas tiñan unha superficie duns 30 m2 ;algunha casa podía ocupar dous soares, pero o normal era un. Os muros medianeiros e a primeira planta eran de pedra e o resto de madeira, o que facilitaba a propagación dos incendios. Moitas casas non ocupaban todo o soar, senón que deixaban un espazo para horta ou para a cría de animais; así o campo tamén tiña sitio na cidade. Para gañar espazo, o piso superior sobresaía sobre a rúa apoiado en columnas. Bartolomé Bourdelot descríbea no seu diario de viaxe de 1581 do seguinte modo: “Compostela é una cidade bastante grande, pero está moi mal construída, enteiramente edificada en madeira”. A construción en pedra que hoxe a caracteriza comeza a partir do s. XVII.

Así mesmo, a necesidade de auga para consumo de habitantes e peregrinos levou á construción de numerosas fontes públicas. Hainas por prazas e rúas da cidade (Toural, Franco, Platerías, Cervantes, etc.) e en torno ás portas da muralla (Camiño, Mazarelos, etc.). A maioría de elas veñen canalizadas dende mananciais situados nas aforas.

Aínda que xeraba menos lixo que a cidade actual, non contaba con saneamento. As augas sucias e desperdicios botábanse á rúa ou á horta, o mesmo ca os animais. Todo isto debía xerar malos cheiros e un ambiente insalubre. Ademais, é fácil imaxinar que as augas de todo tipo (chuvia, mananciais e residuais) arrastraban todos estes restos orgánicos e canalizábanse a través das portas da muralla, cara ó exterior das mesmas, podendo servir coma abono para as hortas da contorna.

As prohibicións e mandatos das ordenanzas municipais de 1687 ilustran cales debían ser as prácticas habituais, pois prohiben: baleirar os ouriños nas rúas ou fontes, lavar roupa ou peixe nas fontes, arroxar auga polas fiestras ou tirar estrume dentro da muralla. Tamén ordenan canalizar baixo o empedrado os vertedoiros exteriores que desaugan a rúa.

Abandono

A muralla será paulatinamente derrubada no século XIX

A partir dos Reis Católicos (fins s. XV) as ameazas de asaltos ou conflitos diminúen, máis cando Santiago está afastada da costa, única zona na que poderían temerse ataques. Entón as murallas deixan de ser necesarias para a defensa, e mantelas en bo estado resulta custoso.

Aínda así seguiron existindo ameazas como a do corsario Francis Drake, que en 1559 asaltou a cidade de A Coruña. O temor de que chegase a Santiago fixo que se escondese o corpo do apóstolo e que se retirasen as reliquias gardadas na catedral. Xa desde antes, as murallas estaban descoidadas e derrubadas nalgúns puntos e por iso se solicita a súa reparación en diversas ocasións.

O perigo inglés seguiría aínda en 1596, e na cidade vólvese a falar da defensa e fortificación. Repasando as necesidades, apuntan o calamitoso estado da muralla. No informe resultado da solicitude feita por Antonio Ozores dicíase que: tiña caído un dos seus lenzos, outros a piques de caer e as nove portas necesitaban reparación, pois “aunque se les an puesto puertas, hes como si nos las tuvieses por ser algunas tan cortas que no llegan a çerrar poco mas de la mitad… y esto se bera en la puerta que caye a san franciso que muy olgadamente caben tres o cuatro onbres por lo que queda abierto, y en otras entran e salen por debaxo”. Os muros “estaban muy flacos” por moitas partes e era necesario facer terraplens e fortificalos. Aínda que se suxería a necesidade de tirala ata os seus cimentos e reconstruíla de novo, só se farán arranxos e parches.

Co paso do tempo, a muralla, ademais de deteriorada, quedou anticuada. As melloras producidas no campo da artillaría e a utilización da pólvora deixarán obsoletas as vellas murallas medievais. Agora é fácil abrir brechas a certa distancia con un canón. Aínda así, entre os s. XVI e XVIII, os veciños trataron de reparalas en varias ocasións.

Por un motivo ou outro a muralla vaise quedando sen uso defensivo, pero aínda tivo outras utilidades que lle deron uns séculos máis de existencia, hasta que no s. XIX se converte nun obstáculo. A mediados do s. XVIII a muralla aparecía descoidada e derrubada nalgunhas partes. A cidade crecera fora dela e a súa existencia era un problema para o seu desenvolvemento moderno. Así pois, proxectase a súa paulatina demolición. Salváronse, sen embargo, algúns tramos a través da súa integración nos muros dalgunhas vivendas e edificacións; isto é o que chamamos «muralla fosilizada» no parcelario urbano.